Despegamos!!!

Abril 16, 2008

Xa está aquí o Festival Rock en Costa 2008! Para esta sétima edición, que se celebrará o 31 de maio, desde a Asociación Xurásica temos preparado un cartel variado, contundente e cun nivelazo. Dous grupos galegos, dous portugueses e un vasco farán tremer, das nove da noite en diante, o campo da festa do Castiñeiriño, en Santiago DC.

Este ano, os protagonistas do Rock en Costa son BUNNYRANCH, a máis intensa banda de rock and roll de Portugal, coa súa mestura salvaxe de rockabilly, garage, country, soul e calquera música abrasiva que lles pase polas mans; os coruñeses BLACK PANDA, amantes dos motores, o rock desbocado e as guitarras decibélicas; os SIZO, unha banda do Porto que navega entre o blues e a electrónica, entre o rock e a música de baile; os PANIKS, de Barakaldo, unha banda de rock esquelético na que o virtuosismo individual é o que menos importa; e os composteláns DR. GRINGO, un combo de psychobilly formado por ex compoñentes de grandes grupos do rock galego.

Podedes coñecer mellor aos grupos no apartado “tocan” desta web.